12 de agosto de 2010

Verán

As bombas de palenque prodúcenlle arrepío á Trufa, que se agocha debaixo da mesa coma se fose refuxio nuclear.
Agosto é praia, orquestra, festa e verán. Ule a pemento de Herbón que desaparece devorado cando é pequecho, salgado e torrado. A herba é seca e recende forte cando o solpor deixa un lene orballo espallado polo chan. Fala de outonos perdidos no maxín. Na televisión o lume infesta o monte e parques naturais, mentres nun recunchiño a alguén lle brillan nos ollos as pantasmas da súa propia tolemia. O verán xa é forte, o sol resiste o devir dos días e os corpos prenden con só aloumiñárense entre eles. O verán é auga, campo e radio en directo, folgos concentrados para resistirmos cando chegue o inverno.

Estacións anteriores: outono e primavera.

1 comentario:

  1. Qué chulada de texto...Pero, ¿para cuándo el grupo en Facebook en contra de los petardos (por todos los perros, gatos y animalitos del mundo)?

    ResponderEliminar

Compartir