24 de mayo de 2007

De novo dos lumes forestais

Por aquilo de que o bo tempo está xa a chegar e de que máis cedo que tarde, agardo equivocarme, comezará a campaña de lumes forestais, bo será lembrar algunhas das conclusións que se derivaron da vaga do pasado verán e das que non teño falado malia que confirmaban as impresións apuntadas neste caderno.
Antes, por tanto, de que alguén comece a ver en cada monte galego a terroristas ou criminais contratados por tramas e mafiosos, cómpre lembrar que o informe inicial da Garda Civil, elaborado en setembro de 2006, descartaba a existencia dunha trama criminal nos lumes en Galicia. A Unidade Central Operativa do instituto armado concluiu que non houbo móvil común nos incendios e que non existía conexión probada entre os detidos. Ademais, nas xornadas sobre lumes forestais celebradas a principios de marzo deste ano en Santiago fiscais e investigadores galegos e portugueses descartaron de novo a existencia de tramas incendiarias. "Quen as denuncie a partir de agora terá que demostralas", chegou a advertirlles ós políticos o fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Carlos Varela. O verán que está a piques de comezar é a 'proba de fogo', perdón polo xogo de palabras, para o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal. E el sábeo perfectamente. Xa non servirán os argumentos aqueles do terrorismo que tanto lle gustaban ó secretario xeral da Vicepresidencia, Antón Losada, ou ó director xeral de Montes, e que mesmo empregaron os dirixentes de Nunca Máis para convocar unha manifestación que non foi máis ca acta de defunción do movemento tal e como o concebimos os que, dun xeito ou doutro, participamos del. Xa non valen as excusas nin as cortinas de fume. Só valen os resultados, os mesmos que a oposición lles esixiu ós gobernos Fraga.

1 comentario:

  1. Anónimo6:17 p. m.

    o comentario chega muy medido en tempo e a tempo. moi bo

    ResponderEliminar

Compartir