15 de enero de 2007

País

Temos un país cheo de parques empresariais, sen empresas que os ocupen.
Temos un país inzado de paseos marítimos con cada vez menos xente que os poida percorrer. Temos novas estradas e autoestradas, libres, de peaxe, de peaxe suprimido e de peaxe de tarxeta, autovías e vías rápidas. Temos estradas feitas de materiais que se veñen abaixo cando chove no país no que sempre chove. Temos o país dos mil ríos; dos mil ríos ateigados de minicentrais concedidas a persoeiros coma Paco Vázquez. Temos urbanismo, feísmo urbanístico, urbanismo de rúas asolagadas. Temos un país de catro provincias, tres aeroportos e dous portos exteriores, seis audiencias provinciais, dúas caixas de aforro, tres universidades e sete campus universitarios, dúas orquestras sinfónicas, doce xornais locais e dous deportivos. Temos teatros, museos e auditorios. Temos Cidade da Cultura sen cultura de cidade. Temos verde, e monte que pode ser queimado por calquera. Temos un país de vacas, das que non poden dar leite; temos un país de mariñeiros, dos que non poden pescar o que queren; temos estaleiros públicos, dos que non poden construír barcos; temos a un dos homes máis ricos do planeta. Temos un Partido Galeguista, que traizoa a memoria de Castelao, de Bóveda. Temos Presidencia, Vicepresidencia (de Anxo Quintana) e ata Consellería da Presidencia (para cando a consellería da Vicepresidencia?). Temos aprendices de líderes que non son quen de poñerse de acordo en qué carallo é Galicia. Temos país, falta o proxecto: un proxecto de país.

2 comentarios:

  1. de verdad te sorprende...? pero en serio? vamos, que no es broma...?

    ResponderEliminar
  2. Habería que engadir, entre outras cousas, que temos a metade dos núcleos de poboación de todo o Estado.

    Un problema que "planea" por riba da meirande parte das cousas das que falas é a incapacidade que temos os galegos de nos organizar e de sumar, no canto de restar. É dicir, somos moi envexosos. Polo menos dentro da nosa terra, porque fora hai asociacións e casas galegas por todas partes. Semella un tópico pero é que é así. Se o veciño ten aeroporto, eu teño que telo tamén... non podemos ter un para toda Galicia, ou un gran grupo lácteo, ou unha caixa... Fáltanos sinerxia. Coido que forma parte da nosa cultura. É unha característica moi galega, a verdade.

    ResponderEliminar

Compartir