18 de diciembre de 2006

A proposta do BNG do cambio horario

A sorprendente, para algúns, proposta do BNG sobre o cambio horario tivo nos medios de comunicación unha dobre reacción.
A primeira traduciuse en minutos nos principais informativos das televisións estatais con enquisas a pé de rúa. A segunda, consecuencia da primeira, foi a queixa dos analistas políticos do país sobre a superficialidade do tratamento da asemblea do BNG nos medios con sede en Madrid, que evitaron entrar en asuntos de maior calado como o propio feito da desaparición do método asembleario para os encontros dos nacionalistas galegos. Ámbalas dúas cousas, sen embargo, está intimamente relacionadas. Porque é precisamente o sistema asembleario o que permite que un tipo de Ourense (con tódolos respectos para os tipos e para os ourensáns) se presente nun cónclave dunha forza política, presente unha proposta coma a do cambio horario e esta remate formando parte das conclusións do congreso. A partir de agora, segundo as crónicas xa non será así. O BNG ampárase nese concepto da modernización (nas empresas, por exemplo, conleva habitualmente despidos) para dar portazo ao sistema e dar paso ó dos delegados, que nos partidos tradicionais cumpren ese importante papel de aplaudir as decisións tomadas dende arriba. Teña ou non razón, o tipo de Ourense, salvo que sexa delegado, xa non poderá pedir o cambio horario. A cousa non tería maior importancia se non fose porque algúns aínda pensamos que isto da democracia ten que ser algo máis ca votar cada catro anos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Compartir