10 de marzo de 2009

Se resides, decides

Pasadas as eleccións galegas é o momento de abrir un debate serio, sereo e racional sobre o voto da emigración.
Porque se os partidos políticos queren limitar a reforma ó feito de que a papeleta se teña que depositar necesariamente nunha urna terá que ser a sociedade a que abra o gran debate de fondo que ninguén quere enfrontar: deben votar os emigrantes? Digo abertamente, xa o dixen noutras ocasións, que non. É máis: case prefería que nestas últimas eleccións o voto do CERA tivese decantado o resultado. Sería o único xeito de que dunha vez por todas se analizase con seriedade esta cuestión. O voto emigrante quitoulle un escano ó PP e doullo ó PSdeG-PSOE. Desta vez non pasou nada porque os populares tiñan dous de marxe. Pero que tería pasado se a diferencia fose de tan só un deputado? Quedariamos tan contentos sabendo que os que non viven aquí decidirían como se vivisen aquí? É racional que decida sobre o futuro político de Galicia quen nunca pisou esta terra mentres que os que traballan nela, inmigrantes, non teñan ese dereito?

8 comentarios:

  1. Anónimo10:15 p. m.

    Estou dacordo. A miña opinion é, tamén, que non deberían votar. Como non votan todos os nosos familiares, amigos,... que están residindo noutras partes de España ou Europa. Que terían, cando menos, o mesmo dereito a votar.

    Non pensei nunca nas razóns últimas polo que votan... supoño que terá que ver algo co manteñemento de liñas de comunicación con Galicia... pero tamén supoño que haberá outras formas de achegarse a eles... A verdade, vexo o voto inmigrante, ás veces, como unha perversión...

    Carlos. A Coruña.

    ResponderEliminar
  2. A mí me cuesta asimilar que un peruano (por ejemplo) que lleve 5 años en Coruña tenga el mismo derecho que yo de decidir quien gobierna. Simplemente no es justo.

    ResponderEliminar
  3. Pues a mí me cuesta asimilar que un tío que nació en Boimorto hace sesenta años y que lleva cuarenta y cinco fuera de Galicia, o incluso sus hijos, tengan el mismo derecho que yo de decidir quién gobierna.

    ResponderEliminar
  4. Anónimo11:42 p. m.

    Pienso que un ciudadano con plenos derechos legales es un español más, independientemente del lugar del que venga. Y votar también es un derecho... Dudo de que ese debate sereno tan necesario esté cerca: hay pocas ganas de cambiar las cosas.

    ResponderEliminar
  5. pues es posible que el Peruano que lleva cinco años aqui tenga mas claro lo que necesita Galicia que el paisano de Boimorto que lleva cuarenta años fuera. De todas formas no es menos cierto que si los votos de la emigracion se abrieran al mismo tiempo que los otros no sabriamos cual ha decidido el resultado final. Yo creo que, como la linea hay que ponerla en algún lado, deben de votar solo los nacidos en Galicia y que estén debidamente documentados; el voto debe de ser en urna y esos votos se deben de abrir la noche electoral al mismo tiempo que el resto.

    ResponderEliminar
  6. Proposición para refundar Galicia enteira

    Os xornais de onte informaron que Xosé Manuel Beiras volveu como un D. Sebastião do nacionalismo e que propuxo a refundación do BNG. E digo eu: non poderíamos aproveitar para refundar un pouco todo? Na dereita hai quen fala de rexeneración. Na esquerda, tamén se anda á procura da renovación. O mesmo Papa fala de refundar a Igrexa de Cristo. E a economía, a cultura, o xornalismo...
    Por que non refundar Galicia enteira?

    Como é ben sabido, Galicia foi fundada en América.
    Estaría ben refundar Galicia na propia Galicia. Mais coido que o que imos ter unha longa tempada vai ser unha vella política presentada como nova. A técnica que se utilizou na máis baleira campaña electoral da historia recente foi a chamada propaganda gris. E da propaganda gris o natural é que derive unha política gris que tinxa Galicia de gris. Agora que se foron os neocon en Estados Unidos, atopámonos de súpeto nunha nave espacial chamada NeoGalicia. Xa o dixo Díaz Castro en Penélope, un dos nosos poemas bíblicos: "Un paso adiante e outro atrás, Galicia, / e a tea dos teus soños non se move".

    A verdade é que Galicia, a Galicia moderna, naceu en América. Foi soñada en América. Mesmo na súa principal simboloxía: o Himno, a bandeira e a Academia Galega da Lingua. E en América sobreviviu Galicia en longas xeiras da historia contemporánea, as moitas veces que o país estivo entangarañado polas pestes, fosen a da pataca ou a do escurantismo absolutista, tivera este a face monárquica do Rei Felón (Fernando VII) ou directamente a dun ditador matachín, Franco.

    En América sobreviviu a xente, atopou pan e traballo. Alí re-existiu a cultura galega. Nas artes, na literatura, no xornalismo, no deseño gráfico. Mesmo A Rianxeira foi composta e gravada en América! Alí tivo continuidade a propia concepción de Galicia como espazo democrático, como pobo con dereito a gobernarse de xeito autónomo. O primeiro Estatuto de Galicia, 1936, foi abortado en España pola dereita autoritaria, mais a lexitimidade autonómica foi custodiada en América polo Consello de Galiza, que tivo no deputado republicano Antón Alonso Ríos o seu derradeiro presidente. A vida de Antón Alonso é unha crúa metáfora da galaica historia. Salvouse da cacería humana disfrazado de mendigo. Con longas barbas, de branco brión, na vida fuxido na fronteira, perseguido por gardas e gardiñas, protexeuno moito a natureza, o exército do bosque. Até que, vía Lisboa, acadou a salvación en América.

    En América, como dixemos, Alonso Ríos foi un custodio da lexitimidade democrática e autonómica. Mais cando saímos da ditadura, cando o catalán Tarradellas e o vasco Leizaola retornaron do exilio co trato de presidentes, case ninguén sabía daquel vello mohicano. Esquecido, enfermo, pobre, aquel ancián deixouse morrer atropelado nun camiño de ferro.

    Non se pode entender Galicia sen América. Non se pode entender Galicia sen a emigración, para a que se inventou o eufemismo de "residentes ausentes". Non se pode entender nin por cultura nin por economía. Os principais bancos e xornais de prensa (tanto Faro de Vigo como La Voz de Galicia) fornecéronse uns coas remesas dos emigrantes e outros cos grandes anuncios diarios das consignatarias transatlánticas. Como foron os emigrantes os que crearon o primeiro sistema escolar merecedor de tal nome, con máis de 300 centros de ensino. Os máis modélicos, os que seguían a semente racionalista de Ferrer i Guardia, serían tamén demonizados polo conservadorismo túzaro e feitos desaparecer. Si, Galicia foi fundada en América. E sostida pola diáspora de centos de miles de mozos que ateigaron os trens de Europa nas décadas dos anos sesenta e setenta do século XX.

    Este pequeno relatorio é incompleto e talvez innecesario. Aquí, no país dos mil museos, nin un cativo museo da emigración fomos quen de erguer. Existe ese museo, limitado en espazo máis rico e emotivo nos contidos, na Federación de Sociedades Galegas, na rúa Chacabuco, 955, de Bos Aires. Un bo lugar, por certo, para refundar Galicia, imaxinala como Rede creativa, como país portátil, idear a TransGalicia, aberta, vangardista, solidaria, internacionalista, fronte ao anacrónico futuro da NeoGalicia traída pola propaganda gris.

    Dentro da emporcada, rara e gris campaña electoral, houbo un texto que me causou especial turbación e tristeza. O manifesto titulado Se resides, decides. Doeu porque respecto moito á xente que o asinou. Porque sei que a intención primeira é a dun proceso electoral na emigración o máis limpo posíbel. Algo que, por certo, vén sendo reclamado polas asociacións máis activas da diáspora, como Fillos de Galicia.Org. Que sexan galeguistas, mesmo persoas sobranceiras na cultura, os impulsores do manifesto é un dos contrasentidos que estamos a vivir. Un feito máis que demostra a necesidade de repensar, de profundar e refundar moitas cousas.

    O chamado voto emigrante non é un problema. É dereito de cidadanía. Un dereito que ninguén, dende unha ollada progresista, pode pretender capar. Outra cousa é a necesidade de reformar o sistema de votación. A necesidade de elaborar un censo rigoroso e de estabelecer o voto en urna ou coas máximas garantías. Mais o texto é errado na súa afirmación central: "A iniciativa aspira a dar resposta ao amplo sentir cidadán crítico coas manifestas eivas do actual sistema electoral, que recoñece dereito pleno a colectivos que residen no exterior e cuxo único vínculo co país consiste precisamente no exercicio do dereito a voto ao tempo que mingua, ou directamente nega, dereitos a colectivos que residen de forma permanente no país (mariñeiros, penados, inmigrantes)".

    Os tópicos son sempre desacertados. Máis neste caso. Quen pode afirmar que os que residen no exterior só teñen por vínculo co país o dereito a votar? Por suposto, non é así na maioría emigrante. Pero, postos a comparar, eu aínda iría máis lonxe: hai hoxe galegos e galegas nados en Arxentina, en Uruguay, en Estados Unidos, en Inglaterra, Alemaña ou Francia... que teñen máis coñecemento da cultura galega e dos problemas da Galicia territorial que xente que vive aquí e á que lle importa un nabo o pasa alén da Ponte da Pasaxe ou da Ponte de Rande.

    O outro erro é contrapoñer os dereitos dos emigrantes, comezando polo voto, cos dos inmigrantes e outros colectivos. Verbo de dereitos humanos, cómpre abrir portas, mais sen pechar as que están xa abertas. É unha vergoña que non se artellase aínda un sistema operativo que permitise votar aos mariñeiros. É unha inxustiza que non voten os inmigrantes que levan anos traballando, tan galegos como calquera. Mais, por que mesturar ese asunto co voto emigrante?

    Habería que refundar Galicia, si. Aproveitar a máquina de escribir de Castelao. O que pasa é que trouxemos o morto, mais deixamos alí a máquina coa que soñaba o futuro e alimentaba a esperanza.

    Manuel Rivas

    ResponderEliminar
  7. Anónimo5:14 p. m.

    Gracias a M. Rivas por achegarse a esta cuestión de xeito tan interesante e poético. Non cabe dúbida de que, como sempre, é un luxo ler as súas "inesperadas" consideracións neste espacio... gracias de novo.

    A verdade, todo o que dís é ben certo. Feitos como a historia de Alonso Ríos (ou as historias de Castelao, de A. Baltar, dos Dieste,.. e de tantos outros), as escolas "dos emigrantes" (por certo, ¿a qué espera a "Xunta de Galicia" para facer un recoñecemento público das Escolas e Ateneos financiados desde a diáspora e espaiados por toda Galicia?, os eficientes Centros Médicos de Cuba, Arxentina,... fundados por galegos e que foron (e son nalgún caso) exemplares... ou a Federación de Sociedades Galegas, faro da liberdade en tempos "oscuros"...

    E coincido tamén na "fantasía" dunha Galicia portátil... gustaríame que fose así, non sei, isto ten moito de poético, e lémbrame algo a historia de Israel e dos xudeos (máis alá do Israel de hoxe), salvando todas as distancias coa nosa historia, máis benévola sen dúbida.

    E dicir, creo que todos temos un lexítimo orgullo por todos estos feitos, vinculados sen nengún xénero de dúbidas a América. É máis, penso ás veces que si Kavafis tivera sido galego, seguramente lle tivese cantado ao Atlántico e... quén sabe si Ítaca non tería sido esa Galicia portátil da que falas...

    Pero, agora mesmo, neste tempo e neste espacio, non teño tan claro que as relacións actuais coa emigración teñan que vincularse ao voto. E ademáis, ainda que é ben certo que non podemos predecir o futuro, poderíamos preguntarnos ¿hasta que xeración seguiremos co voto? Ben puidera pasar que, en dúas xeracións, os vínculos dos descendentes de galegos con Galicia fose mínima...non sei, non me parece tan claro todo isto como a tí...

    É ben certo que a votación debe ser limpa, iso ninguen o dubida, e por suposto, tamén penso que é un erro contrapoñer os votos dos inmigrantes con esto. Respecto da cuestión de que o coñecemento de Galicia dos emigrantes pode ser maior que o de moitos de aquí.. pois tampouco quere dicir nada... eu coñezo a xente non galega que coñece de forma notable a nosa cultura...

    En calquera caso, moitas gracias pola brillante aportación... e bueno, pois a verdade, a pesares da miña opinión actual, pensarei máis sobre todo este tema...

    A Coruña.

    ResponderEliminar
  8. Anónimo5:40 p. m.

    Por certo, acabo de ler o primeiro comentario que fixen... e vexo que ten un erro notable... Aclaro que onde dí "voto inmigrante" debería dicir "voto emigrante", e estou seguro que o "inconsciente" non me xogou unha "mala pasada". Por suposto que penso que os inmigrantes que viven con nós teñen todo o dereito a votar... faltaría máis!

    ResponderEliminar

Compartir