Dicían os clásicos que as cousas existen cando hai unha palabra para designalas. Hoxe é un deses días nos que as palabras constrúen realidades.
25 de xullo. O que na época Fraga era Día de Galicia, na Xunta bipartita é Día Nacional de Galicia. Para os nacionalistas seguirá sendo o Día da Patria Galega e moitos hoxe non celebran máis có Santiago Apóstolo, patrón de España. O día xa non pode dar máis de si. Vén a demostrar, en todo caso, que iso que pomposamente se deu en chamar debate identitario na reforma do Estatuto é algo máis ca palabras. Por iso, non debemos caer na trampa de poñer nunha balanza as palabras e os cartos, a ver que pesa máis. Pesarán máis as palabras cando diso toque falar na comisión do Estatuto. E pesarán máis os cartos cando se aborde o asunto do financiamento. Os cidadáns piden un bo texto, máis autogoberno, máis recursos económicos e un consenso necesario que nos reflicta tal e como somos, incluídas as nosas contradiccións. Porque seica só nós somos quen de darlle catro nomes a un mesmo día.
No hay comentarios:
Publicar un comentario