24 de marzo de 2008

Novo Mesoiro amarga o aniversario de Javier Losada

Javier Losada cumpre hoxe dous anos como alcalde da Coruña. A celebración chega nun momento especialmente complicado para o rexedor, que non é quen de convencer os veciños de Novo Mesoiro de que di a verdade.
"Que hayan creído más a unos intoxicadores anónimos que al propio alcalde...", chegou a admitir nunha entrevista publicada onte por La Voz de Galicia. É a terceira crise social que afronta dende a súa chegada a Alcaldía. Tralo conflicto laboral dos funcionarios e a revolta veciñal contra o botellón, Losada peca novamente dos defectos que alongaron no tempo as anteriores crises: falta de iniciativa política, tardanza na toma de decisións e nulo control da xestión mediática do conflicto. Así as cousas, o Goberno local só actúa cando estoupa a crise e nese momento o alcalde vese obrigado a recorrer ós seus concelleiros para que solventen unhas situacións que, semella, o propio Losada non é quen de encamiñar. Primeiro foi Obdulia Taboadela a que tivo que lidiar durante horas cos delegados sindicais para poñer fin ó conflicto dos funcionarios; agora é Silvia Longueira a que debe "queimarse" ante os veciños de Novo Mesoiro. Javier Losada ten por diante tres anos para tomar o temón da nave municipal se non quere que alguén pense que é mellor cambiar de capitán. No seu haber conta co coñecemento da xestión municipal e, nesta criste en concreto, co traballo desenvolvido por Servizos Sociais durante anos para a erradicación do chabolismo. Pero o debe empeza a estar demasiado ateigado. Corren malos tempos para os aniversarios.

1 comentario:

Compartir