7 de septiembre de 2007

De Antón Losada e a CRTVG

Anda o mundo da política e do xornalismo moi alterado nestas últimas horas por mor da demisión/cese do secretario xeral da Vicepresidencia de Xunta, Antón Losada.
Entre outros motivos porque era a persoa da parte nacionalista do goberno galego que se encargaba da relación cos medios de comunicación, ademais doutros cometidos. Á marxe do que se agocha detrás da súa "demisión por razóns persoais", a súa última polémica coa dirección da TVG ben merece algún comentario. De entrada, é inadmisible que un cargo público, pagado cos cartos de todos, dedique o seu tempo a presionar a xornalistas e medios de comunicación. Pagámoslle a esta xente para que resolva os problemas do país, non para que os xenere nin para que destine as horas nas que debía estar traballando a coaccionar a xornalistas. Do mesmo xeito, tamén é inadmisible que un medio de comunicación, nomeadamente un de carácter público, silencie, omita ou minimice a figura dun vicepresidente da Xunta, como ten denunciado o propio Losada e, estou convencido, con motivos para facelo. PSdeG e BNG asinaron un pacto de goberno no que se apostaba por un modelo de medios de comunicación públicos no que o director xeral fose nomeado por dous terzos do Parlamento e non a dedo polo presidente da Xunta. Sexa ou non a mellor das fórmulas -ese sería outro debate- as dúas forzas políticas están obrigadas a facelo e ata o momento eludiron ese compromiso. Pero non só non se levou a cabo esa promesa, senón que ademais repartíronse os cargos na CRTVG colocando aí a 'un dos meus' e aquí a 'un dous teus', como xa temos denunciado neste caderno. Nesta cuestión o suspenso do bipartito non pode ser máis clamoroso.

Actualización, Luns 10: Xosé Luis Barreiro opina hoxe en La Voz con moito tino sobre a polémica, malia que non comparto totalmente a súa posición.

1 comentario:

  1. Anónimo8:31 p. m.

    Sobre Losada, eu quedo coas entradas do Galpón de Breogán:

    http://galpondebreogan.wordpress.com/


    (a ver se sae ben)

    ResponderEliminar

Compartir