10 de noviembre de 2009

Caixas galegas: fusión ou peche?

Comezaba o verán cando alguén me parou na rúa para advertirme de que Galicia estaba a quedar fóra do proceso de fusión das caixas que se iniciaba no resto do Estado.
Estamos xa metidos no outono e, transcorridos máis de catro meses, é o momento de que o presidente Feijóo aborde a decisión económica se cadra máis trascendente dos últimos anos. A estas alturas do debate, o titular da Xunta xa ten os datos económicos, xa se entrevistou cos máximos responsables de Caixa Galicia e Caixanova e xa tivo oportunidade de contrastar co Banco de España as diferentes opcións abertas. Neste tempo, mudaron certas cousas. Ese 'escenario' de "seguir como hasta ahora" que estudaba o goberno galego xa desapareceu. A posibilidade da 'non fusión' pasa por alianzas foráneas que cuestionan gravemente a galeguidade das nosas caixas. O que non mudou foi o rexeitamento claro do presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, a un proceso de fusión con Caixa Galicia no que semellan ter máis peso os personalismos e os localismos ós que aludiu a conselleira de Facenda na súa comparecencia parlamentaria. Por iso -porque non só contan as cuestións económicas- o presidente Feijóo non pode eludir o debate con ese argumento de que non se pode adoptar unha posición sen coñecer tódolos datos económicos das caixas. Ese 'secuestro' do debate deixa en mans de técnicos e economistas unha decisión que afecta ó futuro de Galicia. Non só é economía. Tamén é unha cuestión política: queremos ou non unha ferramenta financeira que apoie as accións estratéxicas para o desenvolvemento económico do país. Se pesa a política, a aposta debería ser a fusión. Porque, como di a miña xefa, Galicia sempre sae perdendo coas decisións 'técnicas'. Porque, como repliquei, se Galicia fose unha empresa, a única medida sensata sería o seu peche.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Compartir